Que é o Inega

Actualidade

OS BUQUES DE PESCA GALEGOS PODERÍAN ACADAR UN AFORRO MEDIO ANUAL DE ENTRE O 5% E O 48%, SEGUNDO UN ESTUDO PROMOVIDO POLO INEGA, EN COLABORACIÓN CO CETPEC
- Son os resultados extraídos de 82 auditorías realizadas, das 90 previstas, no marco do convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia e o Centro Tecnolóxico da Pesca co fin de mellorar a eficiencia enerxética no sector pesqueiro

- As análises leváronse a cabo ata o momento en 20 embarcacións de altura, en 10 buques de pesca de litoral e en 52 barcos de pesca artesanal

- A porcentaxe de aforro acadable que se pode obter mediante a aplicación das medidas de optimización enerxética propostas varía en función da tipoloxía do buque pesqueiro, sendo os barcos de pesca artesanal os que máis poden diminuír os seus custos

- As conclusións do estudo, cando estea totalmente finalizado, divulgaranse entre os mandos dos barcos que teñan relación directa coa xestión da enerxía para que estes colaboren na execución das melloras de redución do gasto enerxético que han de permitir facer a flota pesqueira galega máis competitiva

Barco pesqueroSantiago, 6 de febreiro de 2010.- Os buques pesqueiros galegos poden chegar a acadar un aforro medio anual no consumo de entre o 5% e o 48%, dependendo da tipoloxía
dos barcos, o que se traduce nun aforro máximo de combustible de ata de 72.000 litros anuais, o que equivale a un aforro económico anual de ata 30.000 euros por barco. Son os resultados dun estudo que se atopa practicamente ultimado e que foi realizado en base a un convenio que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ten, no marco xenérico de colaboración co IDAE, co Centro Tecnolóxico da Pesca (Cetpec) para potenciar a eficiencia enerxética no sector da pesca. Para a materialización deste acordo o Inega destinou unha achega de 464.000 euros e financiou o 70% das actuacións, correndo o restante 30% por conta do Cetpec e dos propietarios dos barcos.

Para chegar a estas cifras de aforro acadable realizáronse preto dun cento de auditorías enerxéticas a buques de pesca nun total de dezasete portos da xeografía galega. O obxectivo destes estudos é o coñecer en detalle o gasto enerxético das distintas tipoloxías de barcos e propoñer melloras para diminuílo, co fin de facer máis competitiva a flota pesqueira galega, dándolle ferramentas para afrontar dun xeito máis eficiente a problemática derivada do alto custo do combustible e a caída dos prezos do peixe en primeira venda.

A fin de analizar de forma axeitada as distintas tipoloxías de buques e as artes de pesca fíxose unha división dos pesqueiros en tres grupos, en función da eslora do barco: pesca de altura (que comprende buques con eslora de máis de 15 metros, e no que se distinguen tres tipoloxías: arrastreiro de litoral, arrastreiro de Gran Sol e pincheiro de Gran Sol); pesca de litoral (eslora de 9 a 15 metros) e pesca artesanal (eslora de 6 a 8 metros).

Xeograficamente escolléronse portos ao longo de todo o litoral galego (Burela, Portocelo, Celeiro, Cesantes, Laxe, Camelle, Lira, Muros, Ribeira, O Grove, Marín, Bueu, Arcade, Meira, Aldán, Cangas e Baiona), recollendo deste xeito datos procedentes de buques que faenan en diversos caladoiros, o que permitiu ter un estudo detallado das artes de pesca que operan en Galicia.

Ata o momento presente levouse a cabo a adquisición de datos sobre o consumo de enerxía nun total de 20 das 24 embarcacións de altura (83,3%) obxecto de estudo en base ao convenio, en 10 das 14 dos barcos de pesca de litoral (71,42%) e na totalidade dos barcos de pesca artesanal: 52 (100%), o que supón que xa están realizados os estudos en 82 pesqueiros (91,1%) dos 90 contemplados no acordo.

En segundo lugar analizáronse os datos e propuxéronse unha serie de medidas a aplicar para reducir o consumo enerxético en cada sector da flota. A través da aplicación destas medidas de optimización enerxética estímase que se poden acadar aforros de ata un 12% nos arrastreiros de litoral, o que se traduce nun aforro anual de 57.800 litros de combustible e en 27.700 euros cada barco; dun 8,5% nos arrastreiros de Gran Sol (72.300 litros e 29.600 euros); dun 16% nos pincheiros Gran Sol (44.400 litros e 18.200 euros); dun 5% na pesca de litoral (2.500 litros e 1.025 euros) e dun 48% nos barcos de pesca artesanal (780 litros e 2.623 euros).

Para a execución do devandito convenio, que supuxo un fito na realización de auditorías enerxéticas en barcos de pesca en Galicia e tamén en España e Europa, instaláronse nos pesqueiros, co obxecto de poder levar adiante as auditorías enerxéticas, caudalímetros, isto é, medidores do consumo instantáneo de gasóleo, tanto no motor principal como nos motores auxiliares; rexistradores eléctricos para estudar a xeración e o consumo eléctrico do buque ao longo dunha marea; tacómetros e torsiómetros que miden as revolucións por minuto e a potencia do eixo do buque; rexistradores GPS a fin de coñecer a velocidade do buque en cada estudo, entre outros sistemas de avaliación do consumo enerxético dos barcos.

Medidas propostas para a optimización enerxética
As medidas a aplicar para reducir o custo enerxético pasan por introducir melloras na loxística (por exemplo, no caso dos arrastreiros de Litoral, cando un barco volve a porto co peixe a súa parella debe seguir faenando no caladoiro con outro barco); por diminuír a velocidade de navegación, o que permite aforrar combustible; por cambiar o cable de arrastre fabricado en aceiro por outro de materia orgánica, de elevada resistencia e de baixo peso ou por substituír o sistema de iluminación e cociña convencionais por sistemas máis eficientes, así como por aproveitar o calor residual dos motores para producir auga quente sanitaria.

A instalación de sensores de velocidade da rede, que permiten adaptar a velocidade en función da corrente; a instalación de caudalímetros que permitan a visualización instantánea do consumo, a limpeza do casco que permitirá aumentar a velocidade de navegación; a mellora da distribución do peso no buque e a eliminación de cargas innecesarias, así como un empopado óptimo, mediante o que se conseguirá diminuír o consumo pola variación do ángulo do barco son outras das propostas destas auditorías enerxéticas promovidas e financiadas polo Instituto Enerxético de Galicia, en colaboración co Cetpec, para incrementar o uso racional da enerxía nos barcos de pesca e proporcionar aos mariñeiros ferramentas para unha xestión máis eficiente. No caso dos barcos de pesca artesanal as melloras percibiranse mediante a adaptación do motor da embarcación para usar GLP (Gases Licuados do Petróleo) como combustible; a través do cambio da hélice do barco ou mellorando o mantemento do motor da embarcación.

Divulgación das conclusións
As conclusións do estudo, cando este estea totalmente rematado, daranse a coñecer aos mandos directamente relacionados coa xestión da enerxía (armador, patrón, maquinista, cociñeiro e contramestre) dos barcos auditados a través deste convenio entre o Inega e o Cetpec, para que estes colaboren na execución das melloras. Ademais, está previsto divulgar ao resto da flota galega as medidas de mellora detectadas para que se poidan beneficiar delas. A realización destas preto de cen auditorías insírense dentro das medidas de mellora de aforro e eficiencia no sector pesqueiro da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía).


Hemeroteca: 2008 · 2009 · 2010


Subvencións Aforro 2010
Subvención Renovables 2010
Consulta on-line estado subvencións 2009
Autoliquidación Canon Eólico
Certificación Enerxetica
Simuladores Inega
Sicapde
Listaxe de Instaladores
Dossier de Prensa
Xunta de Galicia. Consellería de Economía e Industria(Nova ventá) Instituto Enerxético de Galicia